O novo ciclo de cine da Fundación Novacaixagalicia – CSM arranca no mes de setembro con perspectiva feminina. Icíar Bollaín, Isabel Coixet, Claudia Llosa ou Sofia Coppola son algunhas das mulleres que asinan os filmes que se presentan no ciclo ‘Elas tras a cámara’, un programa para cinéfilos que durará ata o mes de decembro nas sedes da Coruña, Ferrol, Lugo e Compostela .
Non hai un só cine feminino, hai moitas directoras e múltiples perspectivas sobre o mundo que as rodea. A través desas olladas femininas podemos chegar a coñecer a realidade da muller en diferentes partes do mundo e en diferentes momentos históricos, desde o Londres dos anos sesenta para unha estudante de bacharelato (An Education), unha voda concertada na tradicional Nova Dehli (A voda do Monzón) ou as dificultades que atravesa unha nena no Afganistán de posguerra (Buda explotou por vergoña).

